Editorial Galaxia
SUBSCRÍBETE | CONTACTO | MAPA WEB
BUSCAR: 
A Editorial
Autores
Catálogo
Novidades
Ensinantes
Ligazóns
Axenda




Audiocontos



Galicia. Celula de universalidade

Novidades     Noticias     Premios     Críticas    
Subscrición     Ler capítulos    

29-11-2011
'Cociñar e escribir teñen moito que ver'

Entrevista con Yolanda Castaño

Se onte conversabamos coa fotógrafa de 'Cociñando ao pé da letra', Andrea Costas, hoxe toca falar con Yolanda Castaño, editora literaria do libro e autora dos textos de presentación de cada un dos escritores-cociñeiros que participan.

-¿Cómo naceu a idea deste libro?
Naceu coa idea de trocar a imaxe tradicional que tiñamos dos escritores e escritoras: ‘dogmatizando’ fronte a un atril, ‘sentando cátedra’ tras dunha mesa presidencial, sempre moi graves e serios/as, para velos agora amasando, picando cebola ou pelando patacas, imaxes tan próximas e nas que todas e todos nos recoñecemos.
Naceu da miña constante teima por achegar a escrita á sociedade, amosándoa coma unha parte moito máis achegada e imbricada na realidade do que talvez se pensa. Un convite a penetrar na fascinante literatura galega actual a través dun fío conductor co que todos e todas temos que ver, tan doméstico e íntimo, tan sinxelo, suxestivo e delicioso coma o da cociña.
Naceu da miña absoluta fe na potencia creativa dos escritores e escritoras deste país e da gana por contaxiar ese entusiasmo a través dunha proposta que resultase fresca, orixinal, fluída e sobre todo alegre, incidindo no contacto entre disciplinas e nese trasvase tan contemporáneo.
Naceu alentada tamén pola magnífica rede de blogs gastronómicos que existe en Galicia e España, traballos dos máis honestos aos que me asomei na internet e absolutamente inspiradores.

- Semella que teñen moito que ver cociñar e escribir…
Eu polo menos atopei 21 aspectos nos que os dous labores teñen moito en común como procesos creativos que son (tantos como autores/as hai no libro!). Os dous implican unha transformación de materiais previos, un código antigo que se actualiza e algo de sazón. Queda claro que escribir se asemella máis a traballar coas mans, picar, rebozar ou levedar que a deixarse atravesar por un transo case místico en mans de musas etéreas.

- ¿Cómo son de preto os escritores e as escritoras cando se lles colle "coa man na masa"?
Hainos moi concienzudos, outros menos tensos (aínda que nunca despreocupados), hainas moi metódicas, outras máis viscerais e intuitivas. Hainos lentísimos, outras son veloces; apegadas á receita tradicional, outros máis fantasiosos. Algúns son auténticos gourmets, outras contáronnos pratos que falaban máis ben da fame. Algunhas privilexian o produto, outras o proceso de elaboración, a presentación, o contexto, aqueloutros a memoria. En definitiva: son diversos, pero sempre entregadas, creativos, próximos e xenerosas.

- E que arte vén sendo máis difícil, despois de todo o que tes visto, ¿a escrita ou a cociña?
Supoño que todo dependerá das habilidades da persoa na que se poña o foco, do nivel de esixencia que esteamos demandando… Todo ten tamén a súa complicación. Ás veces é tan difícil escribir un texto memorable como conseguir que non se pegue o arroz.

- Adoitamos dicir que a nosa literatura está a un gran nivel. ¿E o nivel destes cociñeiros e cociñeiras como é? (Anímate a poñerlles unha nota)
A verdade é que ese verán comimos coma ningún outro… Mesmo acabamos levando moitos "tuppers" para casa! Hahaha…
Agora en serio, partindo da base de que a selección de autores pasou en boa medida por aqueles/as que eran máis "cocinillas" (obviamente hai grandes autores e autoras que non están no libro porque non teñen unha relación salientable coa cociña), son desiguais. Hai expertas no prato que confeccionaron e autores que tamén o son de libros gastronómicos, hai cociñeiros máis ocasionais, sibaritas de primeira e, outras, que o fan moi ben pero case por obriga. Algúns póñenlle auténtica dedicación, a outras reláxalles. Algún faino tamén por rutina e outra despregando verdadeira creatividade. Pero o segredo do libro tamén está en que non fixo sempre falla facer un prato moi sofisticado para dar –en conxunto (receita, imaxes, texto literario…)- unha peza suxestiva: dende a receita máis elaborada á máis humilde todas contan un senfín de historias.

« Volver

ver máis



Autores relacionados:
Castaño, Yolanda

Libros relacionados:
Cociñando ao pé da letra
EDITORIAL GALAXIA, 2006. Aviso legal