A modernización de Galaxia
Carlos Casares En 1985 Carlos Casares asume a dirección da editorial e anima un importante proceso de actualización e modernización consonte á demanda dos novos tempos. Renóvase o Consello de Redacción de Grial, incorpóranse novos deseñadores (Francisco Mantecón, Manuel Janeiro), ábrense novas liñas de traballo e poténcianse os recursos da editora, que nesta época amosa un fondo editorial de case un millar de títulos.
Entre as coleccións deste período sobresaen as de carácter infantil e xuvenil, Árbore e Costa Oeste, continuadoras de iniciativas pioneiras nos anos 60 e 70. De 1972 é a edición en galego de O principiño, tradución da obra de Saint-Exupéry realizada polo propio Casares, que podemos considerar iniciadora da actual liña de traducións de autores clásicos e contemporáneos ás nosas letras. Novos autores incorpóranse ao catálogo editorial en coleccións moi variadas que van dende a literatura e o ensaio a obras de referencia, dicionarios, gramáticas, material escolar, libros de texto, arte, xeografía, guías de viaxes e de natureza, poesía, economía, xornalismo, historia, etc. A "Biblioteca Básica da Cultura Galega" reuniu en 51 títulos o máis significativo da nosa historia e cultura.
En 1986 Alfredo Conde recibiu o Premio Nacional de Narrativa pola novela Xa vai o grifón no vento, editada por Galaxia, e despois Manuel Rivas, por ¿Que me queres, amor? (1996), Paco Martín, con As cousas de Ramón Lamote, coeditado por Galaxia e SM, foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1986. Por primeira vez, autores en lingua galega, transcendían cos seus textos alén das nosas fronteiras.
|
 |
 |
 |
 |
 |