Merlín na cultura galega
Galicia, terra do Grial
A identificación de Galicia co Santo Grial vai máis alá das referencias literarias tecidas polos creadores galegos contemporáneos. En realidade, arrinca dunha tradición simbólica coas raíces ancoradas na Idade Media e de fondo calado na cultura popular. Que Galicia é unha das patrias posuidoras do Grial é tamén a mensaxe que se extrae da identificación lendaria do copón do Cebreiro co utilizado por Cristo na última cea e posteriormente gardado como reliquia por Xosé de Arimatea. Tradicións e lendas que vencellan o Grial coa Madalena agromaron na Provenza, unha terra fértil para a heterodoxia, e acadaron co catarismo o cumio dos desafíos á interpretación oficial do cristianismo que Roma transmitía.
A materia de Bretaña na literatura galega contemporánea
Na literatura galega contemporánea callou cedo a semente da materia de Bretaña, cultivada entre nós xa na Idade Media. Ramón Cabanillas inzou o seu imaxinario literario con referencias á espada Escalibur, ao rei Artur ou aos cabaleiros do Santo Grial. De 1922 é o folleto titulado O cabaleiro do Saint Grial (Colección Alborada), con debuxos de Daniel Castelao.
Dende aquela, moitos escritores trataron o tema: Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos G. Reigosa, Darío Xohán Cabana, Francisco X. Fernández Naval e Manuel Forcadela dende a narrativa; Agustín Fernández Paz, Xesús Pisón e Tino Rábade dende a literatura infantil; María do Cebreiro dende a poesía ou Manuel Lourenzo e Roberto Vidal Bolaño dende o teatro.
|