As xeracións da democracia
A incorporación do galego ao ensino
constitúe un elemento fundamental
da normalización cultural en Galicia En 1975 publicáronse 68 libros en lingua galega. Na actualidade, a produción anual de novidades literarias anda arredor dos 1.800 títulos, con máis de 30 empresas editoras agrupadas na Asociación Galega de Editores.
A incorporación do idioma galego ao ensino non universitario (1979) e o recoñecemento oficial do idioma como "lingua propia da Galicia" no Estatuto de autonomía (1981) significaron un pulo notable para a edición e a creación literaria, coa aparición de novos autores e novos xéneros: a literatura para os máis novos moi principalmente. Os escritores e escritoras galegos reciben galardóns e recoñecemento dentro e fóra das nosas fronteiras, moitos deles traducidos a outras linguas. Nas feiras internacionais o libro galego está presente.
A principal característica da produción literaria en galego na actualidade é a súa pluralidade. Pluralidade de autores e de xéneros, de estilos e de rexistros. Dende a novela histórica á novela psicolóxica e de caracteres, dende a poesía social á poesía intimista ou culturalista, dende a literatura de xénero ao xornalismo, o ensaio, a investigación, os libros de viaxes, o humor, a ciencia, guións para a televisión, ocio e gastronomía. Algúns dos autores máis coñecidos foron levados con éxito ao cine: Manuel Rivas, Suso de Toro, Alfredo Conde... A literatura en galego compite abertamente con outras literaturas e os novos xéneros da creación.
|
 |
 |
 |
|
 |