O galego-portugués
Todos os romanistas coinciden na existencia dunha antiga unidade cultural no noroeste da Península Ibérica, que se configurou a partir da evolución da lingua latina nestes territorios do Occidente europeo, entre os séculos IV e VII, e se materializou nunha identidade común que neste período se denomina galego-portugués.
Razóns políticas (o nacemento do reino de Portugal en 1139, cisma da Galicia do sur, que xa lexitimara o rei Afonso VI en 1096) explican procesos de evolución diferenciados entre as comunidades lingüísticas de aquén e alén do río Miño, que a partir desa data se converte en fronteira entre os dous reinos (o de Galicia e o de Portugal), aínda que ambas as dúas conservan moitas características comúns.
A perda de sonoridade dalgunhas fricativas por parte do galego, a conservación dos rasgos de nasalización por parte do portugués, certos aspectos da estrutura fonética do sistema vocálico, son algunhas das diferenzas, alén doutras de carácter morfosintáctico e léxico, produto por unha banda da influencia das falas do sur penínsular na configuración do portugués moderno e da forte influencia na lingua galega do idioma de Castela (o español), que a partir do século XV se constitúe como lingua primeira da estrutura política dominante en Galicia.
Durante catrocentos anos, ata o século XIX, o galego mantense como lingua de transmisión oral, ruralizada, arredada dos circuítos da denominada "alta cultura", moi principalmente da cultura letrada. Hai que agardar ao Rexurdimento do século XIX para asistir á súa primeira recuperación cultural (Xoán Manuel Pintos, Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal...).
|
 |
 |
 |
|
 |