Os séculos medievais
A lírica galego-portuguesa eran
unha das expresións máis prestixiadas
da literatura culta da época O texto literario máis antigo do que temos noticia é o sirventés político Ora faz ost’o senhor de Navarra, atribuído a Joao Soares de Paiva (1196), aínda que xa co rei Afonso VII viaxaban xograres galego-portugueses polas terras de León e de Castela, mesmo ata Andalucía. A lírica galego-portuguesa era daquela unha das expresións máis prestixiadas da literatura culta da época.
Conservamos dese período tres grandes cancioneiros profanos: o Cancioneiro de Ajuda, o Cancioneiro da Vaticana e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (antigo Colocci-Brancuti); un riquísimo cancioneiro relixioso, as Cantigas de Santa María, elaboradas no obradoiro de el-rei Afonso X, e dous cancioneiros de autor -as Cantigas de Martín Codax (Pergamiño Vindel) e un cancioneiro de el-rei don Dinís de Portugal-, ademais dalgún outro de carácter máis serodio. A nómina de autores medievais que aparecen nos cancioneiros ascende a 150 xograres e trobadores, cun total de 1.680 composicións.
Ademais da lírica, chegaron ata os nosos días mostras non menos importantes de creación en prosa, entre outras a versión galega da Crónica Troiana (s. XIV), mandada redactar en Betanzos polo señor Fernán Pérez de Andrade, e o chamado Libro dos milagres de Santiago (s. XIV), versión galega dalgúns anacos do Códice Calixtino, obra en latín do século XII. Outrosí, e do mesmo período, son a Crónica de Santa María de Iria, a Crónica galega de 1404, a Crónica xeral galega, o Libro de liñaxes, o Libro das sete partidas, a General estoria, o Libro da albeitería, etc., algúns deles adaptacións ao galego de obras procedentes dos obradoiros do rei Sabio, Afonso X.
|
 |
 |
 |
|
 |