Editorial Galaxia
SUBSCRÍBETE | CONTACTO | MAPA WEB
BUSCAR: 
A Editorial
Autores
Catálogo
Novidades
Ensinantes
Ligazóns
Axenda




Audiocontos



Galicia. Celula de universalidade

O Rexurdimento


Rosalía de Castro e Manuel Murguía
cos seus fillos
 
O avogado pontevedrés Xoán Manuel Pintos publica en 1853 A gaita gallega, primeiro libro de certa entidade impreso integramente nesta lingua.
Dez anos despois, Rosalía de Castro, publica en Vigo Cantares gallegos, considerada a obra inaugural do Rexurdimento.

Xa nos primeiros anos do século a lingua aparecera, ocasionalmente, en textos de axitación política (Manuel Pardo de Andrade, Xosé Fernández de Neira). A primeira publicación de carácter periódico en galego é de 1860, O vello do Pico Sagro; de 1876 é O tío Marcos da Portela, quincenario, logo semanario, que dirixe en Ourense o xornalista e poeta Valentín Lamas Carvajal.

A primeira gramática é a de Juan Antonio Saco e Arce, publicada en 1868, e o primeiro dicionario, de Valladares Núñez (1884), autor tamén da primeira novela escrita enteiramente neste idioma e publicada por entregas nas páxinas de La Ilustración Gallega y Asturiana, que dirixía Manuel Murguía, en 1880. Curros Enríquez (Aires da miña terra, 1880) e Eduardo Pondal (Queixumes dos pinos, 1886) son figuras aurorais deste período decisivo.

O Rexurdimento foi algo máis ca un movemento literario, foi un movemento integral de reivindicación e cultivo da cultura galega, produto do romanticismo serodio, no que salientan, ademais de escritores, músicos: Xoán Montes, Pascual Veiga, Xosé Castro Chané..., pintores: Serafín Avendaño, Dionisio Fierros..., escultores: Isidoro Brocos..., pensadores: Alfredo Brañas... No mesmo contexto florecen os primeiros movementos políticos e asociativos do rexionalismo. Os máis significativos foron a Asociación Regionalista Gallega (1897) e Solidaridad Gallega (1907), relacionada coa estratexia política do catalanismo de Prat de la Riva e Francesc Cambó, que polas mesmas datas desenvolvía unha actuación semellante en Cataluña..
Galicia
O galego. Lingua propia de Galicia
O galego-portugués
As institucións da lingua galega
 
Os séculos medievais
Os Séculos Escuros
O Rexurdimento
Das Irmandades da Fala á Xeración Nós
A Guerra Civil e o exilio
A recuperación da lingua literaria
As xeracións da democracia

EDITORIAL GALAXIA, 2006. Aviso legal